Thursday 09 de May de 2024

Obradoiro de emprego que desenvolven de xeito conxunto os concellos de Lousame e Porto do Son


A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou hoxe aos alumnos e alumnas desta iniciativa

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou hoxe aos 20 alumnos e alumnas que están a participar no obradoiro de emprego promovido conxuntamente polos concellos de Lousame e Porto do Son. No encontro estivo acompañada polos alcaldes destes municipios, Teresa Villaverde e Luís Oujo, respectivamente.

Segundo explicou Do Campo, o Goberno galego, a través da Consellería de Traballo e Benestar, inviste 177.668 euros no desenvolvemento desta iniciativa mixta de formación e emprego dirixida a persoas desempregadas, que se especializarán en dúas disciplinas: por unha banda, en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e, por outra, en operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización. Destacou, ademais, que este tipo de proxectos teñen como obxectivo “dar aos participantes unha formación de calidade, ao tempo que un posto de traballo”. A formación laboral recibida enriquecerá o curriculum dos traballadores e traballadoras e polo tanto a súa empregabilidade.

Como sucede con todos os obradoiros, esta actividade permitirá tamén desenvolver labores de interese para a comunidade. Así, tanto no centro de día de Lousame como no centro diúrno á dependencia de Porto do Son, os participantes realizarán labores de recepción, acollida, organización de actividades, animación social, mantemento e mellora de técnicas de comunicación para as persoas dependentes. En canto ás obras a desenvolver, actuarase tamén nos dous municipios, con traballos de mellora e mantemento do local social de Cruido e do polideportivo da Silva, así como co acondicionamento dos accesos na aldea da Chave, no concello de Lousame, e coa reparación do adoquinado das rúas Outeiro Alto e Outeiro Baixo, en Porto do Son.

A delegada territorial incidiu na clara intención de “colaboración da Xunta e institucións locais para que os obradoiros teñan continuidade na creación de postos de traballo no futuro”. Na actualidade, están en marcha un total de 53 obradoiros en toda Galicia, que contan cun investimento de 10,2 millóns de euros e que benefician a preto de 1.300 galegos. Á provincia da Coruña destínanse aproximadamente 2,8 millóns de euros para o desenvolvemento de 15 novos programas que benefician a 32 concellos e 315 alumnos e alumnas.